O festival A Revolta do Umia ven de anunciar oficialmente a concesión do premio medioambiental 2023 á Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo. Anualmente, a Asociación Cultural A Revolta do Umia concede un recoñecemento público a entidades, persoas físicas ou xurídicas que destaquen na súa labor de defensa do medio ambiente, tanto desde un plano operativo, como tamén desde un plano de divulgación e sensibilización.
Na edición do 2022 o premio recaeu no Proxecto Cerna, plataforma composta por revista, radio e canle de televisión, impulsada pola asociación ecoloxista Adega.
Este ano valorouse especialmente o compromiso da Asociación Rapa das Bestas na defensa da contorna que rodea os montes de Sabucedo. Especialmente, nun contexto no que diferentes ameazas dificultan o mantemento do ecosistema que rodea á aldea de Sabucedo: a diminución de pasto nos montes, a progresiva redución do número de bestas no monte (algúns estudios falan da metade da poboación que existía nos anos 70), a planificación de parques eólicos que inclúen catas de terreo, o cambio climático, a diminución da actividade agrícola no rural da comarca, entre outras.
A defensa do medioambiente, a sensibilización no coidado da contorna rural, dos ríos e dos montes, son parte do ADN funcional da Revolta do Umia, que afirma continuar traballando a prol da sostibilidade do medio rural mediante as palancas que achegan a cultura, en xeral, e a música, en particular.