Saltar ao contido

Bus gratuito desde A Estrada

    O festival A Revolta do Umia ven de anunciar oficialmente que este ano ofrecerá servizo de bus gratuíto desde A Estrada, tanto na ida como na volta para o venres e o sábado. Este servizo ven así a complementar o que xa existiu en edicións anteriores que permitía desplazarse gratuitamente desde o centro de Cuntis, e que seguirá manténdose na edición deste ano.

    Desde a organización pretenden facilitar que calquera veciña ou veciño da Estrada poida desplazarse gratuitamente ata o festival, coa comodidade que supón non estar pendente de ningún medio de desprazamento propio.

    En vindeiras datas a organización publicará as rutas e horarios detallados, tanto do venres como do sábado. En todo caso, tratará de facilitar que calquera poida desplazarse non só para os concertos, senón tamén para as actividades paralelas que realiza o festival, entre as que caben destacar o obradoiro de cerámica castrexa, as actividades a carón do río, a exposición de graffitis, a sesión vermut, entre outras.

    A organización segue traballando na procura dun programa musical e de actividades moi avanzado, que non se considera pechado, polo que ata as datas do festival poderá haber aínda novidades na programación.

    Os abonos, así como as prazas para a zona camping ou autocaravanas (ambas as dúas modalidades gratuitas) poden adquirirse na web oficial do festival http://arevoltadoumia.gal

    Etiquetas: